Dende o tempo dos Celtas, coa chegada do outono, os nosos antepasados apuraban o remate da tempada de colleitas e as familias preparábanse para as longas e frías noites do inverno. Pero se en Galicia hai unha tradición é que nunca se remata un choio sen celebralo por todo o alto. Nese momento as despensas rebosaban cereal, mel, viño, carne curada da matanza, … e por suposto castañas … xa temos os ingredientes necesarios para un bo magosto.
Enriba do escenario Caxoto iranos contando de todas estas cousas mentres fai un zoncho; o colar de castañas que cando era neno lle facía a súa avoa para levar á escola.