Que foi primeiro, os ríos ou o mar?. Habería mar de non haber ríos?. É posible bañarse dúas veces na mesma auga do mesmo río?… Sendo Galicia a terra dos mil ríos estas preguntas teñen máis importancia que a do ovo e a galiña.
Se o traemos ás nosas letras viríamos a descubrir que o río sería Rosalía e o mar a nosa Literatura. Habería literatura Galega de non existir Rosalía de Castro? Pode que si, pero foi ela quen coma o Miño atravesou a nosa cultura e o noso país de arriba a abaixo abrindo unha conca chea de afluentes, mananciais, fontes e regatos… que somos nós que bebimos das súas augas e agora escribirmos e falamos en lingua galega.
Neste espectáculo facemos un percorrido pola obra e vida da nosa autora fundacional a través dos seus escritos e da súa testemuña… pero tamén a partires dos afluentes, lagoas, mananciais,… que xurdiron dela, facendo especial fincapé nas mulleres poetas que a partires da súa herdanza deron lugar a unha poesía galega recoñecida aquí e fora das nosas fronteiras.