Fecha: 2018/05/08. La Voz de Galicia. Edición A Mariña. Folio:

Aplicando a teoría

Como bo actor fun camareiro un tempo nun bar da Coruña. Había alí un xubilado asiduo con moi mala chispa que todas as discusións as zanxaba cun “a teoría sabémola todos, o carallo é aplicala”… E razón non lle faltaba.

 

Fai uns anos quixen preparar unha función de contos dirixido á infancia que abordase o mundo da diversidade sexual como escusa para defender os valores que tamén atinxen á todas as outras diversidades.

 

Ó comezo argallei unha función moi Pepito Grilo; así debemos pensar, así debemos reaccionar,  ñiñiñí, ñiñiñí… e deseguida vin que ata a min me repelía. O que menos nos gusta aquí é que alguén nos dea leccións morais; aínda que sexan certas e fagan falla.

 

Lembrei entón a sentencia daquel xubilado e aí din coa chave das noces. Agora neste espectáculo un extraterrestre soso e aburrido chega á Terra e fala do avanzado que é o seu planeta sen diversidade: “Todo o mundo viste igual (gris), comen igual, unha máquina desígnache parella, …” Ante este panorama  as nenas e nenos comezan a sentirse inquedos e mostran a súa desconformidade: “Que aburrido! … Aquí no planeta Terra cada quen ten os seus gustos! … vestimos como queremos! … escollemos de quen namorarnos!”. “Entón – pregunta o inocente extraterrestre- Neste planeta non vos din de quen namorarvos?”… “Nooon!” Responden ó unísono. “E un home pode namorarse doutro home?”

 

Toman uns segundos de reflexión… “Siii!”. “E unha muller doutra muller?”. Menos reflexión … “Siii”. “E podendo elixir libremente sodes felices?”… “Siiiiiiiii!!”

E a partir de aí tés a 60 ou 80 nenos e nenas pelexándose por defender as virtudes e vantaxes de toda diversidade.

Data

8 Maio 2018

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: