O tempo meteorolóxico nunca se axeita ó gusto de todos. Cando non chove por que non chove, cando chove por que chove moito, se fai un sol de xustiza isto xa parece Benidorm pero se se levanta o nordeste resulta que vivimos en Siberia, … Nunca nos contenta o que temos … e así nos vai.
Eu este ano disfrutei deste inverno inclemente no que choveu por riba das nosas posibilidades. Por primeira vez en moitos anos sentinme vivindo na Galicia que contaban as nosas avoas e avós. Froito deste contento xurdiu un día a seguinte historia coa axuda do alumnado dun obradoiro de narración oral que impartía na cidade da Coruña:
Cando o vento marchou alí xa non quedaba nada. A luz entraba polas vidreiras abertas de par en par e ciscados polo chan podíanse ver medicamentos, camisóns e cestos de vimbio a medio facer.
Polo xardín fuxían desordenadamente cirros, cúmulos e estratos que noutrora foran recluídos pola súa propia seguridade (e contra a súa vontade) naquel pavillón psiquiátrico.
Outra vez libres. Outra vez nubes.
Nubes con trastorno de personalidade que se cren osiños, coellos ou ovellas.
Nubes suicidas que se extinguen chorando nas ventás dos amores rotos.
Nubes claustrofóbicas que buscan un limpo ceo azul no que pararse.
Nubes que están nas nubes e non saben sen van ou veñen.
Nubes con vertixe que prefiren ser brétema a ras do chan.
Nubes depresivas que escollen illarse no cumio dunha montaña.
Nubes con trastorno de comportamento agresivo que desembocan en cicloxéneses explosivas.
…
O ceo outra vez volta a estar cheo de vida. E tirados na herba nenos e nenas xogan a ver osiños, coellos ou ovellas feitos de algodón.
27 Abril 2018
La Voz de Galicia