O oitavo erro

Supoño que en toda casa hai certas ritualidades que se repiten invariablemente co tempo. Na miña casa natal unha desas ritualidades é que o domingo se merca este xornal. Se meus pais ían a misa, se os fillos íamos ó ensaio de gaita, se había que mercar algo en Cervo,… todos sabíamos que un tería que desviar o seu camiño para ir á libraría.

 

Despois xa nolo repartíamos na casa: miña nai buscaba os sucesos con ese interese morboso por ver “que” lle pasou a “quen”, meu irmán maior os deportes, meu irmán mediano a revista… e meu pai e eu pugnábamos por atopar os 8 erros nas viñetas de Laplace.

 

Hoxe souben que morreu ese tal Jean Laplace do que nunca me molestei en mirar quen era, onde vivía ou que outras cousas facía…. e sentín peniña. Seguramente sexa o autor que con máis interese seguín ó longo de toda a miña vida.

 

Non acostumo a ler o xornal; só de vez en cando tomando un café tranquilo no bar de Carmen. Pero si que recurro a el a miúdo para buscar novas concretas, consultar a sección de axenda cultural, ou simplemente ver os titulares do día, … O que é seguro é que se accedo ó xornal non me irei dalí sen pasar antes polos pasatempos e ver os enxeñosos e sinxelos trazos dos 8 erros. Eses monigotes de cara inxenua abordando as surrealistas situacións nas que os autor os mete son unha delicia.

 

Cando de neno me poñía a buscar os erros, a miúdo quedaba atorado buscando o último. Entón despois de adicarlle un tempo prudencial recurría a un pacto segredo que tiña con Laplace. El numeraba as viñetas co 1 e o 2 respectivamente e eu marcaba ese número como a oitava diferenza… A de tempo e ansiedades que me aforrou!

Data

20 Setembro 2018

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: