2018/04/17. La Voz de Galicia. Edición A Mariña.

Un libro

Xa vos comentei que son contador de historias. O ano pasado por estas alturas do calendario buscaba un título para un espectáculo de contos no que quería celebrar o Día Do Libro dende o punto de vista do propio libro. Celebrar o libro como obxecto, como tesouro, como máquina do tempo, como ritual, como buratiño dende o que velo todo, como xogo, … despois de moitas voltas veume o título á cabeza “Un libro baixo a almofada”.

 

Cando era pequeno non gustaba moito de deitarme cedo e atopei distracción na lectura para ese tempo que tardaba en durmirme.  Meus pais, gardiáns da miña saúde e do meu benestar, souberon das miñas incursións nocturnas dentro dos libros así que cada noite (e cada sesta en fin de semana) facían unha batida pola miña habitación buscando libros agochados que puideran distraerme da miña necesidade de descanso.

 

Isto deu lugar a un emocionante combate estratéxico cos meus pais que derivou  nun depurado protocolo que me garantira o pracer de ler mentres os demais durmían. Antes de deitarme deixaba medio agochados un par de libros aquí e acolá para que no seu rastrexo non se fosen coas mans baldeiras. Cando viñan pasar revista eu xa me facía o durmido mentres  ocultaba o libro que realmente quería ler debaixo da almofada. Por fin, en canto saían da habitación colocaba a miña bata de casa tapando a regaña que deixaba a porta co chan para que dende fora non se vise a luz acendida.

 

E aí si, … case sen respirar, cunha orella atenta a calquera ruído do exterior, mergullábame nas aventuras, romances, loitas, viaxes, medos, … de cada libro que caía nas miñas mans… aquel pracer prohibido!

 

Feliz Día do Libro!

Data

17 Abril 2018

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: