Nisto de contar historias adoito incluir transversalmente contidos relativos á educación en valores, inclusión social, educación para á paz, … Para iso formeime en áreas como igualdade de xénero, multiculturalidade, diversidade funcional, … Non me considero un experto en ningunha destas materias pero si teño unha boa formación de base: Maxisterio, cursos presenciais, cursos online, conferencias, bibliografía, …
Cando se discute sobre enxeñaría, arquitectura, … a ninguén se lle ocorrería levarlle a contraria a unha persoa formada nesas disciplinas. Por exemplo, ninguén lle discutiría a unha cirurxiá cardiovascular cal é a mellor técnica para un bypass. Sen embargo en canto falamos de temáticas sociais todo o mundo sente que ten un master na universidade da vida que o habilita para discutir calquera tema sen ningún pudor e con toda a rotundidade do mundo.
Nestas semanas tocou discutir sobre a igualdade de xénero. Unha problemática moi presente, que afecta nin máis nin menos que a metade da población e que se constata sistematicamente en estudos e enquisas elaboradas por persoas especializadas na materia. E claro veñen os comentarios de «cuñao»: «Non hai que ser nin machista nin feminista», «Iso agora non pasa», «Gustaríame ver como se fixo ese estudio»,…
E así me paso 2 ou 3 semanas tentando non estramparme cunha persoa que sen tan sequera coñecer o verdadeiro significado dos termos machista e feminista (recomendo revisar as definicións), pretende rebaterme que o reparto dos espazos de xogo no patio escolar inflúen no asentamento dos estereotipos de xénero nas nenas e nenos de 7 anos.
Animaliños!
14 Decembro 2018
La Voz de Galicia