Aínda que nunca se afastou da costa máis dunha milla mar adentro Caxoto é un home de mar, cando menos filoxeneticamente. Bisneto, neto e fillo de armadores e mariñeiros, o mar corre polas súas veas e a súa memoria dende o mesmo momento de nacer.
Ao longo da súa traxectoria como narrador oral Caxoto foi atesourando un rico repertorio mariñeiro de contos, lendas, anécdotas e feitos históricos que agora decidiu enfiar neste espectáculo de narración oral. Un espectáculo para os cinco sentidos cheo de salitre, mar picada e vento zoando.
Contos da emigración, contos mariñeiros, historias de conquistas, cantigas de ribeira, a galerna do 61… sesenta minutos de viaxes transoceánicas baixo o pulso intenso, emocional e retranqueiro que caracteriza o seu contar.