OLA!

A TRASTENDA DOS CONTOS é unha compañía teatral que xira entorno á tradición oral e á palabra contada. Nela atoparás espectáculos de narración oral para todas as idades, todas as temáticas, todas as épocas do ano… A partires dos contos, das lendas, dos feitos históricos, das tradicións, das cantigas… propoñemos viaxar a outros tempos, outras xentes… outras vidas.

Pero na Trastenda non só contamos contos. A pouco que remexas entre os nosos estantes atoparás toda unha serie de produtos e proxectos que sen alonxarse da narración oral achegan propostas frescas e novidosas para todos os públicos.

RETRANCA 0
ADICTO AO XOGO 😉 0
GALEGUER 0
Caxoto sobre fondo negro
CAXOTO

é a persoa que se atropa tralo mostrador da trastenda. Nace no 1979 e dende sempre estivo ligado aos espazos escénicos ben a través do teatro, do baile tradicional ou da música. De carácter inquieto e xoguetón nunca faltará unha idea atolada na súa cabeza, unha mirada pícara e curiosa e unha argallada agromando nos seus beizos. Decide estudiar para ser Mestre na cidade de Lugo pero axiña se dá conta que prefire explorar outros campos como as artes escénicas, a educación non formal (ocio e tempo libre), o eido do social,... rematando co tempo por conxugalo todo na súa traxectoria como narrador oral.

TRAXECTORIA

En canto á súa traxectoria, Caxoto ten percorrido varias veces toda o territorio galego e asistido a algún dos festivais de narración oral máis relevantes da nosa xeografía.
- Festival EVA -En Veu Alta (Cataluña)
- Festival Contando Cuentos (Salamanca)
- MIT (Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia)
- La senda del cuento (Toledo)
- Maratón de centos de una noche de verano (Chapinería)
- Maratón de los cuentos Guadalajara (sección Inauditos)
- Festival “Falando a Boca Chea” (A Coruña)
- Festival Núbebes (Pontevedra)
- Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT)
- Festival Atlántica (Santiago de Compostela)
- Festival EVA- Era Uma vez no Atlántico (Madeira-Portugal)

PÚBLICO FAMILIAR

Gran lector de vocación en canto soubo que na Editorial Kalandraka buscaban un mozo de almacén non dubidou en presentar a súa candidatura. Aquel almacén cheo de libros e cómics era como un paraíso para el. Uns meses máis tarde propuxéronlle unha formación en narración oral e cando esta rematou ofrecéronlle facerse cargo das campañas de animación á lectura por colexios de toda Galicia. Unha cousa foi levando á outra e poucos anos despois atopamos a un Caxoto que vive literalmente do conto.

Caxoto conta para crianzas de ti a ti, sen falsas voces nin temas tabú. O seu contar é un diálogo co público; un espazo onde non parar de xogar. Se a iso lle sumamos unha imaxinación desbordante e a súa capacidade de improvisación temos como resultado un espectáculo que en cada función segue o seu propio camiño.

PÚBLICO ADULTO

Cando Caxoto levaba un tempo contando para público infantil observou que os contos que funcionaban para as crianzas parecían funcionar tamén para o público adulto presente (nais e pais). Sendo como é de carácter bulideiro de seguida comezou a xogar nun dobre plano de maneira que nun mesmo conto moitas veces as crianzas non entendían de que rían os maiores... e viceversa.

Foi entón cando se decidiu a explorar a súa narración para público adulto para o cal se formou con algunhas das mellores voces do eido da narración oral: Paula Carballeira, Celso F Sanmartín, Cándido Pazó, Carolina Rueda, Pablo Albo, Campanari, Mercedes Hernández, escolas de verán de AEDA, ...

Despois de todos estes anos de traballo e formación a narración de Caxoto defínese hoxe en día como intensa, emocional, retórica, chea de xiros e case sempre cómica cando non bufonesca. Un transitar entre as emocións, os ritmos, os tonos, os tempos... nos que o conto e o contar son todo un. No seu repertorio como en botica, un pouco de todo: tradición oral, historias de vida, feitos históricos, contos de creación propia e algo de conto literario.