D.E.P.

A profesión de contar de contos vai acompañada cunha aura de certa maxia por aquelo de subir a un escenario e evocar escenas, momentos, emocións, … só a través palabra. Pero como dicía Urquijo en rematados os aplausos “volvémonos vulgares ó baixar de cada escenario”. Unha vez cos pés no chan volvemos a ser xente cos seus medos, as súas inseguridades, a súa lavadora por poñer…

 

Unha das cousas que a min me axuda a aterrar dos escenarios é atoparme co meu coche. Todo raiado, desconchado, sepultura de cen mil mosquitos e cargado ata os topes.  O meu coche é ó mesmo tempo transporte, oficina, comedor, dormitorio, almacén de material, … e a pouco que rebusques baixo os asentos atoparás as rarezas máis insospeitadas. A de veces que terei levado ás miñas sobriñas a clases de música mentres suxeitaban todo tipo de cousas para que non lles caeran enriba nas curvas! Unha moqueta envolta, caixas de libros, un contedor de lixo, unha maceta xigante, … A de caras de incredulidade de clientes que non entenden como todo o que había no escenario colle despois nun coche tan cativo!.

 

Durante estes últimos 10 anos o meu Ford Fiesta aguantou por min todo tipo de penalidades e a pesares diso nas horas de viaxe e espera de escenario en escenario foi un espazo no que sentirme como en casa.

 

Esta semana pasada o meu coche presentou a súa carta de dimisión por fallo multiorgánico… pero aínda así coa bomba de gasolina perdendo, os inxectores medio taponados e 250.000 quilómetros ás costas; soubo aguantar o tipo unha semana enteira por media Galicia ata que me deron un de substitución.

 

Que o desguace che sexa leve fiel amigo!

Data

8 Novembro 2018

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: