2018/04/06. La Voz de Galicia. Edición A Mariña.

Vivindo do conto

Bo día! Chámome Felipe Díaz (Caxoto Cativo) e durante un tempo compartirei con vós reflexións, fantasías e vivencias nesta pequena columna de 1630 caracteres (espazos incluídos). Pareceume boa idea comezar esta andaina cunha pequena presentación a medio camiño entre o curriculum e o autorretrato vital do que posiblemente sexa a primeira metade da miña vida (sendo moi optimistas).

 

Nacín en Viladesuso, unha pequena aldea de Cervo a carón dunha estrada coñecida como a Recta do Gran Sol pola que antepasados e veciños enfilaban camiño cara as costeiras da merluza moito antes de nacer eu.

 

Ata os 18 anos vivín e medrei entre Cervo, Burela, San Cibrao e nas ocasións especiais (case glamurosas) Viveiro ou Lugo. A partires dos 18 pasei unha continua peregrinación por diferentes cidades Galegas ben por estudios, ben por traballo: Lugo, Santiago, Vigo, algunhas tempadas en Noia, moitos veráns en Sada e xa por fin na Coruña onde fun asentar outra vez a carón do mar.

 

Na miña vida laboral tamén un pouco de todo: Mestre, camareiro, actor, gaiteiro, bailador, monitor de tempo libre, almaceneiro, empresario do ocio, educador social, autónomo (case sempre),… e agora dende fai xa uns aniños contador de historias, narrador oral ou contacontos (segundo a pomposidade coa que se lle queira denominar).

 

A partires de toda esta traxectoria, neste recuncho, ireivos contando dende os sentidos e os sentimentos, do humano e do divino, do presente e do pasado, … falando un pouco de todo para ó final rematar sempre contando un pouco de min. Ó fin e ó cabo non se pode manter un ó marxe do que escribe se pretende seguir… vivindo do conto.

Data

6 Abril 2018

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: