Fai uns días xuntámonos en Mondoñedo un bo feixe de narradores e narradoras orais galegas. A idea era vernos, coñecernos, recoñecernos… segundo o caso. E se a cousa vai para diante, ver como crear un colectivo no que apoiarnos e darnos a ver.
Quedamos a comer na Casa da Penela, en Vilamor. Mentres ían chegando contadores e contadoras de toda Galicia desfrutábamos do sol, falando, rindo,… Nisto eu sentín unha presencia no meu costado e ó xirarme atopei a Xulio Rodríguez, o anfitrión da Penela. A este home acompáñao un aura impoñente coa súa txapela e o seu xesto de bonhomía. Recoñeceume por meu irmán maior e con delicadeza foime levando ata un extremo da leira. Entón sinaloume unha casa e díxome que alí vivira Licho de Vilamor unha personaxe real que Cunqueiro recolle no seu libro “Escola de menciñeiros”. Licho viaxaba polas feiras e era experto en sacar moas sen dor. Cunqueiro descríbeo como moi alto, moi gordo, cun colar de moas arrincadas por el, as tenaces sobresaíndo do peto… A súa presencia era tal que en canto o vían incluso as almas máis afoutas se “esmaiaban” da impresión… e así sacaba el as moas sen dor.
“Non era tan grande… máis ben era pequenote” díxome Xulio… “pero a Cunqueiro víñalle ben para a historia”.
Ó día seguinte convideino a vir con nós facer unha visita guiada coa que outro insigne mindoniense, Antonio Reigosa, nos agasallaba. Como se estivesen ensaiando toda a semana, en perfecta coreografía de lembranzas e personaxes, Reigosa e Xulio ofrecéronos unha viaxe polas rúas e polo tempo que nunca esqueceremos… E disto se nutre a nosa paixón pola narración oral!
5 Febreiro 2019
La Voz de Galicia