Fecha: 2018/06/03. La Voz de Galicia. Edición A Mariña. Folio:

Co mar de fondo

Daniel García Níñez (Dane) é un veciño de Cervo que ademais de sachar duramente na atención de persoas con autismo, adica o seu tempo libre entre outras cousas a recuperar e manter o noso legado mariñeiro. A última proeza que lle coñezo é a de investir os seus aforriños no rescate do Xoulón, unha lanchiña de fermosa factura modelo “Bote de Ribadeo” das que non deben quedar moitos exemplares. A súa idea é restaurala, remozala e disfrutala dándolle así unha nova oportunidade.

 

Dane leva un par de anos vivindo na Illa de Arousa onde ó pouco de chegar meteuse nunha Asociación de Navegación Tradicional que se adica a recuperar e preservar o patrimonio marítimo da zona. Cando falo con el cóntame dos seus encontros coas xentes do mar que por alí aínda manteñen a autenticidade de antano, o seu caracter, a bravura,… e morro de envexa por estar no seu lugar e vivilo eu tamén.

 

Estes días pensei nel falando cun cura que me contaba que nun momento da súa vida en que estaba tendo certas tensións cos seus superiores eclesiásticos, estes o ameazaron “sutilmente” con mandalo a pastorear cristiáns á Illa de Arousa.  Como quen manda a evanxelizar ás misións de ultramar. Eu naquel momento lembrei as historias do Dane, as paisaxes de mar, as postas de Sol e dixen “Nin tan mal!… A Illa de Arousa paréceme un sitio con moito encanto”. O cura miroume con retranca e medio roendo a lingua, medio sostendo un riso retrucoume con moita sorna “Depende para que…!”.

 

E aí entendín que tódolos traballos teñen as súas cousas, e que incluso preservar conciencias relixiosas non é tarefa doada segundo en que zonas e segundo con que xentes.

Data

3 Xuño 2018

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: