A “Epidemia de Gripe do 1918” foi un andazo de gripe virulenta que tivo incidencia a nivel mundial e levou por diante máis de 50 millóns de vidas. Naquel momento tiña lugar a 1º Guerra Mundial e os países involucrados non querían falar do tema na súa prensa para non desanimar ó persoal. España non participaba naquela contenda polo que os primeiros artigos xornalísticos sobre a enfermidade proveñen do noso pais… por ese motivo se lle coñeceu tamén co nome de “Gripe Española”.
O pai de Hermesinda era médico, durante un tempo traballou nun cruceiro de luxo que facía o traxecto Vigo-Cuba Cuba-Vigo. Contaba o pai que naquel barco se respiraba tanta ostentación que cando o navío recalaba na baía de Vigo o servicio do cruceiro guindaba pola borda toda a louza para comprar unha nova de cara á seguinte travesía. Sabedores disto os veciños do porto tirábanse ó mar a tentar rescatar aquela louza en perfecto estado. Sorprendía chegar ás casas daquelas familias tan humildes e velos comer un caldo ruín naqueles fastosos pratos.
Tempo despois cansou daquel traballo e alguén lle dixo que polo interior de Ourense andaban escasos de médicos así que alá se foi.
O cabo duns anos estaba casado e contaba con 7 novas bocas que alimentar entre elas a pequena Hermesinda.
O pai traballaba no hospital de Verín. No 1919 a terceira oleada da Gripe do 18 chegou á vila e ante a extrema incidencia da enfermidade o hospital viuse totalmente desbordado. O pai de Hermesinda non quixo escoitar as súplicas da súa muller para que quedase na casa e uns meses máis tarde morría deixando viuva e 7 fillos. Hermesinda tiña naquel intre 10 aniños.
23 Xullo 2018
La Voz de Galicia