Así non é!

Chámame a atención o que nos gusta sentirnos en territorio coñecido e esperado. Sentir que todo está no seu sitio… onde debe estar! É como chegar á casa e sentir que xa non hai nada que temer. 

 

Isto é así dende a nosa infancia. Durante os primeiros anos da vida gústanos  que nos conten unha e outra vez os mesmos 3 ou 4 contos para poder desfrutar do pracer de adiantarse aos acontecementos e poder predicilos. E se un neno ten un “conto de cabeceira” pobre de ti que lle vaias cambiar un detalle da trama, unha personaxe,… case o queren coas mesmas exactas palabras!; “así non é!” ou “papá non o conta así”.

 

O gran Gianni Rodari escribiu un conto que titulou “Confundindo historias” onde un avó lle conta á súa neta unha Carapuchiña Vermella chea de erros e variacións: que se a carapucha é amarela, que se se atopa cunha xirafa e non cun lobo, que se leva unha bolsa de patacas, … e así todo o tempo!. O relato desenvólvese coa nena interrompendo e corrixindo ao avó de forma que ao final quen realmente conta a historia é ela.

 

Durante bastante tempo tíveno entre os títulos pendentes de contar por que non sabía como abordalo. Cada vez que o tentaba resultaba unha narración enleada chea de “dixo o avó”, “dixo a neta”. Un día (xa case me dera por vencido) indo no coche vin a luz e pareceume tan sinxelo que non entendía como non se me ocorrera antes. Eu faría o papel do avó e o público infantil faría (inconscientemente) o papel da nena. A combinación de restituír a historia coñecida xunto co pracer oculto de poder corrixir a unha persoa adulta converteu ese conto nun dos meus primeiros éxitos como narrador oral.

Data

22 Novembro 2019

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: