O paraíso do contador

Había máis dun ano que non pasaba por aquí.  Xa vos dades conta que non foi porque estivese estes últimos meses moi ocupado facendo cousas fascinantes daquí para acolá. A vida en pandemia é menos vida e incluso a ansia polo contar tamén se viu minguada.

 

Coma todo o mundo ocupeime buscando argumentos para ducharme cada día a pesares de non saír da casa. Calibrei a webcam para que non se vira o pantalón do pixama. Saquei una perna pola ventá para apañar algunha raiola de sol… quen non? Pero agora parece que se ve un clarexar ao final do túnel e xa apetece poñerse a andar.

 

Para entrar en calor veño cun retrinco do contar. Un carameliño da profesión.

 

Fai un par de anos contaba no Barqueiro. Nun colexio tan pequecho que ata os  de sexto aceptaban compartir contos cos de 3 anos. O conto, un mil veces contado, un día calquera entre semana, sen ningunha particularidade especial…  pero deuse a maxia. Disto que todo o mundo entra no conto; o profesorado coas mans na barriga; os de sexto e os de 3 anos rindo as mesmas gargalladas e eu tentando alongar ese momento unha miguiña máis.

 

Pero remata. E entón (non é falta de modestia que é relato fideligno) un aplauso entregado… incluso berros. E eu facendo reverencias pensando se será cousa da pouca ventilación ou de drogas no suministro da auga.

 

E a mirada deténseme na primeira fila. Nunha meniña de 4 anos co aplaudir descoordinado de quen non tivo aínda moita ocasión de aplaudir. Mírame cos ollos anegados de rir e entre o balbordo dos maiores escóitolle nitidamente… “Outra vez!”.

 

Non quere que continúe. Quere deterse alí. Nese momento. Unha e outra vez… E eu tamén.

 

Data

22 Abril 2021

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: