A convivencia

Por traballo pasamos uns días en Málaga. Á noite, cansos, lonxe da casa e sen amizades coas que alternar, atopamos acocho nunha terraciña do hotel que como clientes podíamos pedir que nos abrisen. Así a noite pasaba de vagar baixo o clima mediterráneo e a compaña dunhas pesicolas.

 

Unha das noites compartimos terraza cun home que, á súa maneira, disfrutaba do momento enfrascado no seu portátil. Dúas persoas galegas falando chaman a atención nun lugar como Málaga por iso non nos estranou a consabida pregunta dende o sillón veciño “¿sois gallegos?”. Chamábase Alí e era de Melilla, dominaba algunhas expresións da nosa terra e sospeitamos que tivo unha moza galega. De seguida fixemos un repaso polos tópicos galegos, o acento, o marisco,… para a continuación mostrar interese pola súa orixe multicultural.

 

Contounos que en Melilla conviven 5 culturas: musulmán, cristián, xudía, hindú e cigana e para facernos cargo desta complexidade contounos un conto islámico. Resulta que Mahoma tiña un veciño que todos os días varría diante da súa casa e as varreduras botáballas ao bo de Mahoma que recollía o lixo sen dicir cousa. O molesto veciño estaba intrigado pola falta de reacción do profeta pero a intriga pasou a segundo plano cando caeu gravemente enfermo. Logo duns días na cama o veciño recibiu a visita de Mahoma que se interesaba polo seu estado. Ó cabo dun anaco falando o veciño preguntoulle como soubera que estaba enfermo… “levabas tres días sen varrer para a miña porta e estaba preocupado” respostou con retranca o profeta.

 

Pois así é a difícil convivencia de 5 culturas nun  lugar tan pequeno como Melilla.

 

 

Data

20 Xaneiro 2020

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: