De pais e nais (2)

Dicía na anterior columna que xeralmente cando conto sobre igualdade para público infantil gústame que tamén veñan nais e pais. Nesa función interactúo bastante coas nenas e nenos para ver cal é a situación de partida e case sempre queda de manifesto que saben a teoría pero patinan na práctica. Teñen claros os “mantras” do feminismo e se lles preguntas se homes e mulleres son iguais contestan rotundamente que si. Se lles preguntas se homes e mulleres teñen os mesmos dereitos e obrigas contestan rotundamente que si. Se lles preguntas se homes e mulleres poden ter o mesmo traballo contestan rotundamente que si… E así con todo o decálogo do perfecto feminismo.

 

Pero se cambias a fórmula da pregunta e lles pides que che digan profesións de “mulleres”, con esa ansia competitiva que dá a nenez levantan a man case sen pensar para contestar: Ama de casa, mestra, modelo, médica, …

 

Outra dinámica que facemos é a de representar personaxes que lles suxiro e aí soen saír á luz os estereotipos: As princesas andan a saltiños absurdos, os príncipes andan con seguridade, as meigas andan encurvadas e con xestos maléficos, os magos soltan feitizos con forza e sabedoría, as raíñas entretéñense en lucir imaxinarios vestidos de cola, os reis pisan forte observándoo todo,…

 

Cando remata a función é habitual que nais ou pais veñan falar comigo. Felicítanme e despois medio se desculpan polas respostas que deron as súas crianzas; “Na casa dámoslles unha educación en igualdade… pero vese que non chega”.

 

E xusto iso é o que pasa. O que actualmente se fai para conseguir a igualdade entre homes e mulleres… non chega!

Data

20 Marzo 2019

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: