Fecha: 2018/05/19. La Voz de Galicia. Edición A Mariña. Folio:

Unha historia de desamor

Sentir morriña lonxe da nosa terra. Sentir o acougo do fogar cando nos poñen un prato de caldo quente. Admirar ás nosas avoas e avós que o superaron todo. A nosa característica xeografía. O noso mar. As nosas xestas deportivas. A nosa música. A nosa rica tradición oral… Todo isto, e moito máis, reflexa a nosa identidade como galegos e galegas. Quen máis quen menos sente o bater do corazón ante estes feitos… E por riba de todo debería estar a nosa lingua.

 

Acabamos de pasar polo Día das Letras Galegas e quédame un sabor agridoce (máis agre que doce). Nestas semanas percorrín media Galicia cun espectáculo arredor de María Victoria Moreno. Nestas funcións facía énfase sobre que chegada dende Extremadura a Galicia tardou só 10 anos en publicar o seu primeiro libro en galego. Acto seguido pedía que levantasen a man aquelas nenas e nenos que soubesen falar galego e as butacas inzábanse en brazos levantados. Despois pedía que erguese a man quen falase galego a diario para ver con gran desamparo como case todas as mans tornaban á súa posición inicial. Este experimento tivo idénticos resultados tanto en vilas do interior como de costa. Tanto no eido urbano como no eido rural.

 

Cando eu comecei nisto da narración oral alá polo 2004 a dinámica era que nas cidades e poboacións de costa o castelán predominaba… pero quedaba o consolo de que o interior e o rural eran do galego… en pouco máis de 10 anos perdemos iso.

 

Fai uns días a Real Academia Galega sacou un informe dicindo que só o 20 por cento das nosas nenas e nenos teñen no galego a súa lingua identitaria… e a min dáme a risa… ogallá fosen tantos!

Data

19 Maio 2018

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: