De pais e nais (1)

Grazas a Deus ou por desgraza nestas datas acostumo a recibir bastantes chamadas para contratar espectáculos de contos arredor da igualdade. “Por desgraza” por que os datos, as novas, as testemuñas, … de casos onde a muller perde dereitos ou é agraviada polo mero feito de ser muller abundan día a día. “Grazas a Deus” por que esas chamadas denotan que cada vez hai máis xente nas administracións que se preocupan porque esta lacra sexa erradicada dunha vez por todas.

 

Nestes espectáculos para público infantil gústame que estean presentes nais e pais porque adoito interpelar ás nenas e nenos, e gústame ver a reacción das persoas maiores antes as súas respostas. Hai un momento concreto en que comezo a facerlles preguntas sen deixarlles moito tempo a pensar para que a resposta sexa intuitiva. E isto que vou relatar agora pasou en case todas as funcións deste espectáculo … e levarei máis de 50 ou 60 por toda Galicia.

 

As primeiras preguntas son sobre tarefas concretas: Quen de vós (só o público infantil) fixo hoxe a cama?. Quen barreu esta semana a súa habitación?. Quen axudou a facer de comer?, … Case sempre as mans levantadas son poucas. Despois pregunto quen soe facer “normalmente a maior parte” destas tarefas e case sempre contestan que “mamá”. Por último pídolles que levanten a man se a súa nai ten un traballo remunerado fora da casa, e cada vez máis (sobre todo nos últimos anos) as mans levantadas superan ás baixadas.

 

E cos datos desta sinxela enquisa queda á vista durante o espectáculo, e agora nesta columna, que é “a dobre xornada feminina” e o incriblemente asentada que está na nosa sociedade.

Data

15 Marzo 2019

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: