Nas súas mans

Teño unha amiga intérprete de lingua de signos. Sinto fascinación polo seu traballo, polo que ten de servicio e polo que ten de poesía e teatralidade. Vela falar en lingua de signos é hipnótico como ver patinaxe sobre xeo ou malabares.

 

Fai pouco comezou a traballar nun centro de secundaria como intérprete cunha  mociña xorda. Iso implica ser unha extensión da propia moza. Acostumamos ver interpretando signos nun recuncho da televisión; pero neste caso ela senta na aula ó lado da moza e alí convértese no seu ouvido e na súa voz. Tentade imaxinar unha aula de pupitres en ringleiras, mozos e mozas de 14 anos, grans na cara, hormonas xuvenís, simulacros de bigotes,… e no medio unha muller adulta tentando pasar desapercibida movendo as mans freneticamente. Cando a mestra fala ela traduce as partes das células,  os climas, os complementos circunstanciais… Pero se a moza quere falar co compañeiro do lado, como calquera moza ou mozo que se aburre en clase, a intérprete non pode negarse.

 

Contoume como no medio dunha clase tivo que preguntarlle á compañeira de pupitre se o traxe que levaba era de Berska coa conseguinte bronca da mestra á alumna e á intérprete; ou de cando no medio dun exame lle pediu á do lado unha reposta da proba, ou das primeiras conversas sobre sexualidade,… Ou de cando tivo que acompañala nun proceso de expulsión no que a moza se defendeu con unllas e dentes ata conseguir limpar o seu nome e que non a chimparan … Contoume que ó saír desta xuntanza, ela (a intérprete) tivo que ir ó baño e desafogar en bágoas toda aquela tensión sentida e transmitida.

 

Traballos que son fermosura!

 

 

Data

12 Febreiro 2019

Xornal

La Voz de Galicia

Tags: