Acabouse o verán. Sei que isto é un tópico pero, non vos parece que cada ano pasan os meses máis rápido?. Parece que foi onte cando na casa dos meus pais estabamos os tres irmáns ensarillados entre polvorón e polvorón na xa tradicional discusión de noiteboa sobre Cataluña.
Tal día como hoxe, centos de mestres e mestras comezan a preparar a mochila do cole. Eu estudiei maxisterio alá no comezo deste milenio pero nunca cheguei a exercer. E iso que tiña vocación e ilusión, e non se me daba mal penso. Pero a ilusión logo se me foi vendo como é a realidade nas aulas durante os meus períodos de prácticas. Polo meu traballo nisto de contar contos teño relación con moitas mestras e mestres e véxolles a mesma ansia por comezar as clases que a que eu tiña cando era neno: ningunha.
E é que o panorama é o seguinte: Unhas oposicións nas que nun par de horas te xogas o traballo de todo un ano, media vida rebotando dun centro para outro por media Galicia, unha sociedade que non valora o máis mínimo a figura do mestre, unha administración pública que abandona á súa sorte ó profesorado, uns pais e nais que queren saber máis que ninguén, un alumnado resabiado ó que non se lle pode nin chistar, un profesorado con vocación e gañas de facer cousas que se ven refreados nas súas ansias pola realidade castrante que atopan,…
E por se todo isto fose pouco aínda ter que escoitar aquilo de “vivir como un mestre”… como se tivesen unha vida regalada.
En fin… que moito ánimo para ese exército de mestras e mestres. Que o camiño sexa cando menos livián e que Deus queira que nunca se rendan, que o noso futuro está nas súas mans.
10 Setembro 2018
La Voz de Galicia